A concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, e de Política Económica e Emprego, Guarina Rey, veñen de entregar os diplomas de catro cursos formativos levados a cabo no coworking “Daquí Darredor” do Concello de Brion, un deles facultativo e obrigatorio para aquelas persoas que desexen sumarse ao proxecto e poder utilizar estas instalacións. Así, Guarina Rey felicitou ao alumnado “por apoiar o rural. Este coworking é posible porque hai xente coma vós interesada en seguir formándose e apostar polo rural”, ao tempo que os animou a participar nos próximos cursos formativos que se convoquen.
Dos catro cursos clausurados, o de “Cultivo agroecolóxico de horta e froita” tivo lugar entre os meses de outubro de 2022 e febreiro de 2023. Os outros tres tiveron lugar entre xaneiro e febreiro de 2023: “Prevención de riscos laborais nas cociñas”, “Hixiene e manipulación de alimentos” e “Transformación de alimentos nas liñas de masas, froitas e hortalizas”.
O espazo de traballo colaborativo “Daquí darredor” foi posto en marcha polo Concello de Brión en colaboración coa Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela. No centro elabóranse xa ata 29 produtos diferentes como zumes de froitas, salsas, cremas, marmelo… produtos ecolóxicos e local, aínda que hai persoas usuarias de toda a comarca e mesmo doutras provincias.