- As instalacións da Casa do Pendón serven como punto de traballo para 24 persoas emprendedoras de diferentes sectores
Este xoves arrincou oficialmente a sexta edición do Espazo Coworking Costa da Morte que organiza a Xunta de Galicia, a través do Igape, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e o Concello de Cabana. As instalacións, situadas na Casa do Pendón, acollen unha vintena de proxectos de emprendemento e seguen a potenciar Cabana como «principal polo de emprendemento da comarca», destacou o rexedor cabanés, José Muíño.
Ao acto de presentación acudiron a subdirectora da oficina Galicia Emprende do Igape, Fany Suárez, e o director da área de Desenvolvemento de Pemes da EOI, Javier Benito.
As instalacións da Casa do Pendón serven como punto de traballo para 24 persoas emprendedoras, 15 mulleres e nove homes, cuxas actividades se centran en sectores como o turismo, a cultura, a agroalimentación, a artesanía ou a saúde.