O CPEIG e a Amtega poñen en marcha encontros dixitais con profesionais TIC


O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) poñen en marcha a actividade “Encontros con Profesionais TIC”, unha serie de xornadas online entre rapaces e rapazas e profesionais TIC, no marco do convenio de colaboración asinado entre ambas entidades e enmarcado na Axenda Dixital de Galicia 2020.

Neste novo contexto da distancia social e as reunións dixitais que se vive actualmente a causa da pandemia da covid-19, esta actividade desenvolverase nas vindeiras semanas coa celebración de 30 encontros en streaming entre un profesional TIC e un grupo de 12 rapaces e rapazas de 6 a 18 anos, que poderán interactuar co relator e con calquera dos asistentes. Ademais, o resto de persoas inscritas poderán seguir as charlas a través da canle de Youtube “CPEIG VIDEOS” e no Facebook do CPEIG, aínda que só os rapaces partipantes e os profesionais TIC poderán intercambiar impresións e dúbidas durante os encontros. Os interesados en participar poden inscribirse e atopar información sobre os encontros nos seguinte enlace: https://www.cpeig.gal/encontrosTIC.