O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) leva a cabo esta semana en Santiago de Compostela “Biodiversión”, iniciativa de divulgación que chega á súa XII edición e que se desenvolve, fundamentalmente, a través de talleres para escolares nos laboratorios da sede da Misión Biolóxica de Galicia (Campus Vida, s/n). Ademais, como actividades complementarias, organízase o XI concurso de debuxos e o X concurso de relatos Biodiversión para os participantes.
Os talleres, que comezaron este luns, continúan o mércores e o venres. Son en horario de mañá e participa o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Pío XII.
Versan sobre algunhas das liñas de investigación que se desenvolven polos grupos de investigación do CSIC na sede en Santiago da MBG: “Extracción de ADN dunha froita”, “Plantas cargadas de metais”, “Cambio climático”, “Cultivo in vitro de especies leñosas” e “Germinación e elongación radicular”.
Os concursos teñen como cometido que o alumnado participante nos talleres mostre posteriormente a súa visión sobre as actividades realizadas ou sobre o mundo da ciencia e os científicos en xeral. Ambos os certames teñen tres premios, consistentes en material científico didáctico.