Este xoves 9 de setembro comezarán en Galicia as clases nos ciclos de Infantil, Primaria e Educación Especial para 187.624 alumnos, o que supón 9.180 menos ca no curso 2019/20, o inmediatamente anterior á pandemia, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Só en centros públicos o alumnado descende en case 6.000 escolares respecto do último curso antes da pandemia.
Respecto do curso 2020/21 a diminución é de 4.832 escolares, 3.363 deles en centros públicos. Neste sentido cómpre lembrar que as cifras de matriculación poden ir mudando ao longo do curso escolar.
En calquera caso, e malia ao descenso de alumnado, a Xunta de Galicia mantén as plantillas de profesorado por riba das que había no curso 2019/20, atendendo as necesidades xeradas a partir da pandemia da covid-19. Cómpre lembrar que nestas etapas as medidas sanitarias mantéñense invariables respecto das do curso pasado, con grupos burbulla sen distancia de seguridade.
