O curso escolar comezou este xoves con normalidade para 103.884 alumnas e alumnos de Infantil, Primaria e Educación Especial, segundo o calendario escalonado marcado este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para facilitar a volta ás aulas no contexto da pandemia. Mañá incorporaranse aos centros outros 90.337 estudantes, ata sumar os 194.221 nenas e nenos matriculados nestas etapas, un 1,3 % menos ca no curso 2019/20.
Nestas dúas xornadas tamén comezarán a impartir clase os 240 mestres contratados a maiores este ano para dar resposta ás 158 unidades de Infantil e Primaria máis coas que conta este ano o sistema educativo galego, como consecuencia do reforzo realizado para atender os desdobres derivados da adaptación ás medidas necesarias por mor da covid-19.