O de este ano foi o mes de xullo máis frío en Galicia desde 2012


O valor medio das temperaturas situouse nos 19.0ºC, o que resulta unha anomalía de -0.66ºC respecto ao período de referencia para o conxunto da Comunidade e fai que “este período se considere como frío e que haxa que mirar case unha década cara a atrás para atopar un precedente similar”. A media das máximas situouse nos 23.2ºC, mentres o das mínimas foi de 12.4ºC. En todo caso, as temperaturas acadaron medias normais en puntos de Ourense, Lugo e o norte da Coruña, mentres que as zonas afectadas polo suroeste e o paso das borrascas, Pontevedra e sur da Coruña, foron as que estiveron por debaixo do agardado.

O período máis cálido do mes rexistrouse ao longo de tres xornadas —15, 16 e 17 de xullo—, con noites tropicais en puntos do litoral e temperaturas que foron ascendendo ata tocar os 40ºC en puntos illados do interior.

Por outra banda, cómpre salientar que, en xeral, un mes seco, debido a que as frontes que chegaron non foron moi activas, acadando valores normais unicamente en puntos de Pontevedra e do sur da Coruña. De feito, as precipitacións estiveron un 51% por debaixo do valor climático normal.

Así, a choiva media acumulada foi de 23.6 L/m2, sendo as medias máis elevadas no oeste de Galicia con valores próximos aos 120 L/m2 na comarca do Xallas, no Barbanza e no concello de Cuntis; mentres que os valores máis baixos déronse en gran parte da provincia de Ourense, con localidades nas que non se rexistrou precipitación, segundo a información publicada por Meteogalicia.