Así consta no decreto publicado este venres no Diario Oficial de Galicia, aprobado o pasado 7 de setembro ten unha dobre finalidade. Por unha banda, ofrecer solucións efectivas a problemas derivados dos cambios socioeconómicos e estruturais que sufriu a sociedade galega nos últimos anos e, por outra, adecuar certos aspectos da normativa de habitabilidade vixente en Galicia, co fin de simplificar a súa aplicación e eliminar redundancias co resto da lexislación sectorial.
Cómpre lembrar que as normas de habitabilidade regulan as condicións que deben cumprir as vivendas que se constrúan ou se rehabiliten en Galicia para garantir que son lugares axeitados para poder vivir nelas.
Co fin de contrarrestar o abandono de locais comerciais detectado sobre todo nalgunhas zonas das cidades, coa súa conseguinte degradación, e reforzar á vez a oferta residencial en certas contornas urbanas, o cambio máis relevante introducido con este decreto busca favorecer ou facilitar a reconversión de baixos desocupados en vivendas cando se dean determinado tipo de circunstancias.
Permitirase así aos concellos facer excepcións e simplificar as esixencias necesarias para garantir a intimidade dos residentes en ámbitos concretos, sempre que estea debidamente xustificado por razóns urbanísticas ou de protección patrimonial da zona.
Neste sentido, cómpre indicar que aínda que xa existía a posibilidade de transformar baixos comerciais para destinalos a un uso residencial, na práctica esta adaptación quedaba impedida moitas veces polo feito de que a normativa de habitabilidade esixe que se cumpran unha serie de condicións bastante estritas para garantir a protección das vistas das vivendas desde o exterior.
Coas modificacións introducidas nas normas de habitabilidade aprobadas en 2010, mantense con carácter xeral a esixencia de protección de vistas nas vivendas resultantes da reconversión de locais comerciais en planta baixa, pero serán os concellos os que poderán delimitar certos ámbitos dentro dos seus municipios nos que se exima do cumprimento destes requisitos, ou ben se maticen para que resulten máis fáciles de cumprir, mediante a tramitación dun anexo de habitabilidade.
Na práctica, isto permitirá, por exemplo, que baixos cunha altura de 2,5 metros poidan transformarse en vivendas cando antes se requiría un mínimo de 3,2 metros.