O Ministerio de Facenda e Función Pública publicou na súa web unha serie de datos correspondentes á execución orzamentaria das Administracións Publicas en 2022.
A evolución ata novembro mostra que o déficit do Estado continúa a senda descendente iniciada en 2021 como consecuencia da reactivación económica e a creación de emprego impulsadas polo avance do proceso de vacinación. En concreto, o déficit do Estado nos once primeiros meses do ano de 2022 reduciuse un 62,3%.
Así mesmo, o Ministerio de Facenda e Función Pública tamén publicou os datos de déficit consolidado da Administración Central, Comunidades Autónomas e Seguridade Social ata outubro en termos de contabilidade nacional, que tamén se reduciu un 71,5% respecto ao mesmo período do exercicio anterior.
Á súa vez, tamén se publicaron os datos de execución orzamentaria do conxunto de Administracións Públicas do terceiro trimestre, que inclúen os datos correspondentes ás Corporacións Locais. Nos tres primeiros trimestres de 2022 o déficit do conxunto das Administracións Públicas reduciuse un 60,5%, excluída a axuda financeira.
Ata novembro de 2022 o Estado rexistrou un déficit equivalente ao 2,02% do PIB, fronte ao 5,83% existente en novembro de 2021. Desta forma, o déficit sitúase en 26.513 millóns, o que supón un descenso do 62,3% respecto aos 70.389 millóns do mesmo período do exercicio anterior. Este resultado débese a un incremento dos ingresos non financeiros do 23,5%, fronte ao comportamento dos gastos, que crecen a un ritmo do 0,5%.