O delegado do Goberno recrimina á Xunta que non audite a compra de máscaras na pandemia

Pedro blanco, delegado do goberno en Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, insistiu este luns en que o Goberno galego non ten «nada que ocultar» sobre a compra de máscaras na pandemia e situou nun intento de «desviar a atención» a petición dunha auditoría proposta polo BNG. Fíxoo despois de ser cuestionado se atenderá a solicitude da auditoría reclamada pola formación nacionalista, que tamén instou a Xunta a remitir ao Parlamento galego todos os contratos de material non funxíbel realizados durante a emerxencia sanitaria. O conselleiro de Sanidadeen funcións, Julio García Comesaña, insistiu en que o Executivo remitiu en decembro de 2020 toda a información detallada ao Consello de Contas.

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega, o deputado do BNG Luís Bará denunciou que a «opacidade» é a «norma de actuación» da Xunta neste asunto e afirmou que «non existe na web ningunha posibilidade de acceder aos contratos de emerxencia realizados nos anos 2020 e 2021», nos que hai, dixo, «numerosas sombras». Información que confirma o Consello de Contas, no seu informe de 2023, que sinala que xa tivo «numerosos obstáculos» para acceder aos datos «por non estar accesíbeis», concretamente nos contratos relativos a material funxíbel.

O delegado do Goberno español en Galicia, Pedro Blanco, afirmou este martes que «non fai mal a ninguén» facer unha análise en profundidade dos contratos de emerxencia adxudicados pola Xunta de Galicia en pandemia «en aras do principio de transparencia», ao igual que “está a ocorrer noutras autonomías e no Estado español».

Así o dixo, preguntado acerca da petición do BNG á Xunta de que se fiscalicen estes contratos de material sanitario a raíz do ocorrido a nivel estatal co Caso Koldo, algo ao que se opón o Goberno galego alegando que xa foron analizados polo Consello de Contas. Sobre esta cuestión, Blanco considerou que «non lle faría mal que se deixasen investigar».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha