O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, visitou a sede de Suelo Empresarial de Atlantico (SEA) en Santiago de Compostela para compartir unha xornada de traballo coa xerente da empresa pública, Beatriz Sestayo, co obxectivo de analizar os datos de implantación de empresas durante o ano recentemente finalizado e estudar as novidades que se prevén cara a 2024.
Neste sentido, Beatriz Sestayo informou de que en 2023 as empresas asentadas en polígonos de SEA xeraron máis de 1.000 novos postos de traballo. As empresas implantadas durante este ano nas áreas que promove esta sociedade pública utilizaron tanto a fórmula tradicional de compravenda como a de dereito de superficie. Suelo Empresarial del Atlántico pechou con beneficios o exercicio económico. Eses beneficios reinvestiranse en 2024.
O delegado do Goberno en Galicia e a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico coincidiron na importancia das novas fórmulas implantadas pola empresa pública como mecanismos áxiles para favorecer a creación de emprego. Pedro Blanco e Beatriz Sestayo destacaron ademais o papel de acompañamento de SEA ao investimento empresarial desde o inicio das xestións para a súa instalación ata o momento da inauguración, asesorando a investidores tanto en cuestións comerciais como nas de carácter urbanístico ou financeiro.
Sestayo destacou o valor do público como axente dinamizador da economía, á vez que anunciou novas fórmulas de interlocución con empresas e organismos, así como pola aposta de SEA por seguir facilitando aos empresarios tanto a disposición do seu chan para os seus proxectos como o acceso a financiamento europeo.
Pedro Blanco destacou o papel do goberno de España e a súa aposta decidida polo emprego e a empresa e a colaboración público/privada.