O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou varias obras en Vimianzo


O delegado territorial da Coruña na Xunta, Gonzalo Trenor, visitou Vimianzo para comprobar as actuacións financiadas pola Consellería do Medio Rural de mellora de camiños municipais.

Concretamente, comprobou o resultado das obras realizadas o ano pasado de mantemento e mellora das estradas municipais nas parroquias de Calabanda e Campo de Pasarela, unhas das diferentes actuacións, que contan cunha achega do Plan Marco para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021 de máis de 49.000 euros.

O Plan Marco suporá un investimento de 321.000 euros en 16 actuacións para os municipios da área de influencia de Bergantiños-Costa da MorteTrátase dunha axuda cofinanciada nun 75% con fondos Feader no marco do PDR de Galicia para a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños de titularidade municipal que faciliten os accesos a zonas habitadas.

Gonzalo Trenor sinalou que o obxectivo deste plan “é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, que pasa por mellorar as dotacións existentes en infraestruturas básicas, ao tempo que desenvolvemos actuacións dirixidas á mellora dos servizos básicos para a poboación rural”.

Neste senso, apuntou que “as infraestruturas rurais xeran cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo. Con estas obras buscamos por unha banda facilitar a accesibilidade e a vertebración do territorio e, por outra, contribuír ao aumento da competitividade agraria e forestal. Desta forma, facilítase o tránsito de maquinaria, o que redunda nunha maior axilidade das operacións e nunha redución dos custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado”.

Así, a finalidade do plan é darlle un pulo ás condicións de vida nas aldeas mediante o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais.