O Deportivo cumpriu co seu traballo nun bo partido na casa ante o Zamora, selando a súa terceira vitoria consecutiva, pero que non chegou para consumar o milagre. O filial celeste gañou ao Coruxo e Unionistas empatou ante o Racing de Ferrol para deixar aos coruñeses sen opcións de ascenso e condenados, no mellor dos casos, a xogar a próxima tempada na Primeira RFEF. Castigo para o seu gran final de liga. Lóxico pau para a súa mala tempada global. Rubén de la Barrera, adestrador do Deportivo, analizou a vitoria do seu equipo ante o Zamora. Un triunfo que non estivo acompañado dos resultados que necesitaban os coruñeses para entrar entre os tres primeiros. O adestrador afirmaba que “Temos que levantarnos e pelexar polas dúas prazas da Primeira RFEF”. O camiño está claro para Rubén, “o obxectivo prioritario é gañar o seguinte partido, é como o facemos e así imos continuar. Os obxectivos teñen que ser consecuencia do teu rendemento. Hai que facelo moi ben no seguinte e seguir, non deixar de competir. A por o seguinte e a gañar o que vén”.