Luís César Sampedro afrontaba no Estadio de Gran Canaria o seu primeiro partido á fronte do Deportivo coa necesidade de armar un equipo con baixas significativas na práctica totalidade das posicións. Unha das grandes novidades que introduciu foi a do canteirán Valín no lateral dereito do equipo, unha aposta que non defraudou polo rendemento final do novo lateral branquiazul. Peru e Eneko formaron o centro da zaga, mentres que Vicente foi o acompañante de Álex no dobre pivote. De aí en diante, o ataque do equipo conformárono xogadores máis habituais nesas posicións ao longo da tempada como Borja Valle e Galán, Aketxe ou Samuele Longo. Un 3-0 no marcador deixa ao Dépor como pechacancelas da categoría despois de 11 partidos disputados.