O Depor volve perder na casa, 1-3 fronte ao Zaragoza


O Deportivo caeu no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Real Zaragoza, nun partido que os maños se puxeron moi ao seu favor mercé a 2 goles en pouco máis de 5 minutos no tramo final do primeiro tempo e no que aguantaron o chaparrón deportivista tras o paso polos vestiarios para levar os 3 puntos.

Luís César, preparador branquiazul, repetiu a aliñación que presentou o pasado domingo no Anxo Carro de Lugo. Luís César manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que a situación é “crítica. Hai que reaccionar xa”. O técnico deportivista reitera que “só hai un camiño, cara a adiante. Non hai máis. O partido de non empezou ben, pero aínda así estaba igualado. Cando encaixamos o gol, o equipo veu abaixo 10 minutos. A partir de aí chegamos ao descanso 0-2, pensando que era imposible remontar. Fixemos un moi mal partido. Estamos nunha situación moi delicada. Queda moita liga pero cada vez menos. Temos que reaccionar xa. Fomos inferiores ao Zaragoza e merecemos perder”.

Sostén que “me chamaron para resolver unha situación e non a estou resolvendo. Veño aquí porque o Dépor está mal. Se non estivese mal, non cambiaban de adestrador. Tráenme a min para tentar resolver esa situación comprometida e non a estou resolvendo”.