O Depor volve perder, “que se vaian todos, que non quede nin un só”


Ademais de non conseguir gañar, o Deportivo aínda non logrou ir por diante en ningún partido desde que está Luís César. A pesar de todo, explicou en rolda de prensa que non se expón dimitir, xa que para el non sería “o correcto”. Aínda que pasou desapercibido ultimamente pola situación institucional do club, hoxe gritáronlle á saída do Toralín pedíndolle que se fose do equipo.

Tras caer 2-0 ante a Ponferradina e ofrecendo unha imaxe nefasta, os xogadores do Deportivo acudiron á bancada onde estaba a afección branquiazul. Así foi como a inchada empezou a cantarlles o “que se vaian todos, que non quede nin un só”. Aínda que durante o partido case todos os cánticos foron de ánimo, co segundo gol de Yuri escoitouse “o escudo, respéctase”.