O Deportivo caeu, e con xustiza, ante o Estremadura. Os de Fernando Vázquez tiñan na súa man a oportunidade de conseguir a salvación virtual, e de feito adiantáronse no primeiro minuto cun tanto de David Simón. Pero desde ese momento os branquiazuis encerráronse atrás e permitiron que os de Manu Mosquera marcasen o ritmo do partido.
Así foi como na segunda metade os coruñeses encaixaron tres goles. Dani Giménez fallou na saída dun córner, e empataron. Óscar Pinchi volveu adiantar ao Estremadura noutro erro na entrega, pero Christian Santos puxo a igualada practicamente no primeiro balón que tocou. Nos últimos minutos, de novo Pinchi aproveitou un fallo dos deportivistas para darlle o triunfo aos seus.
Agora, o Deportivo estuda se reclamar aliñación indebida do Estremadura. Desde Tempo de Xogo de Cadea COPE, Emilio Rosales desvelou que o Estremadura xogou con seis xogadores do primeiro equipo cando deben ter polo menos sete. Foi no minuto 68′, cando Airam tivo que ser atendido fóra do terreo de xogo, co que esta norma non se cumpriría.