O Deportivo caeu ante o Albacete e xogará un ano máis en Primeira RFEF. Despois dunha gran primeira parte, o equipo branquiazul acusou o esforzo e encaixou dous tantos en momentos clave. Lapeña tivo a última cun cabezazo que lembrou ao de Pablo Marí en Mallorca, pero nin a forza de Riazor puido guiar ao equipo ao ascenso.
Unha recuperación alta de Antoñito terminou tras varios toques nos pés de Soriano, que definiu con mestría para abrir o marcador. Os manchegos acusaron o golpe e estiveron contra as cordas, pero o Dépor non logrou facer o segundo antes do descanso. A falta de 10 minutos Alberto cazou unha falta lateral para poñer o empate e mandar o encontro á prórroga.
Co 1-1 no marcador, o Dépor repúxose na prórroga e levou o peso do partido de novo, sen deixar saír a un Albacete que tamén consumira gran parte das súas enerxías. Antoñito tivo unha gran ocasión, pero non acertou. Os de Borja acabaron pagando as súas ganas de ir a por o encontro e nunha contra Jordi Sánchez enmudeceu Riazor cun gran cabezazo, 1-2.