O Deportivo xuvenil pasa de rolda na Youth League


Fíxoo grazas a unha épica vitoria diante do Pogon polaco. Tiñan que remontar o 3-0 da ida e os xogadores de Manuel Pablo saíron a por todas espoleados polos 9.000 espectadores que se deron cita en Riazor. Un gol en propia porta aos 6 minutos abría a posibilidade. Antes do descanso Víctor Guerra e Nájera igualaban a eliminatoria e deixaban todo pendente do segundo tempo. 

No segundo tempo o encontro igualouse con ocasións para os dous equipos. Os problemas físicos fixeron acto de presenza e houbo que agardar ata o minuto 91 para ver o desenlace. Hugo Baldomar marcaba o gol que desataba a tolemia. O vindeiro 3 de novembro comezará na Coruña o partido da segunda rolda. O Deportivo vai ter enfronte o Maccabi Haifa. A volta xogarase o 24 dese mesmo mes en Israel.