O BNG tilda de ‘pasotismo’ a falta de atención ás súas emendas nos Orzamentos da Xunta para a Costa da Morte

1 minutes read

O deputado carballés do BNG no Parlamento de Galiza, Daniel Pérez, emitiu un comunicado no que carga contra o xeito de proceder do Partido Popular, tras votar en contra de todas as emendas aos Orzamentos presentadas pola fronte nacionalista. Pérez afirma que se confirmou o absoluto «pasotismo» do Goberno da Xunta cara a Costa da Morte, algo que segundo definiu, «non por ser esperado doe menos».

Daniel Pérez insistiu en que a Costa da Morte precisa unha serie de investimentos «que deberían estar por riba das ideoloxías, porque se trata de cuestións estratéxicas das que depende o desenvolvemento da comarca».

«No BNG temos clarísimas as prioridades, e por iso presentamos unha serie de emendas encamiñadas a paliar unha proposta de Orzamentos na que a nosa comarca está ausente: a mellora da seguridade do porto de Malpica (1.000.000 €), o porto mixto de Corcubión (2.500.000 €), a ampliación do parque empresarial de Bértoa (3.500.000 €), a ampliación do investimento na circunvalación de Carballo en 5.000.000 €, a elaboración dun plan industrial para a Costa da Morte (5.000.000 €)… entre outras actuacións fundamentais».

Todas e cada unha desas propostas foron rexeitadas polo PP, que «pasa» tanto da Costa da Morte que nin sequera se molestou en intentar explicar as súas motivacións. Así se materializa o compromiso do PP coa comarca, e así se demostra o peso que ten o deputado popular no Parlamento de Galiza para defender investimentos vitais para a Costa da Morte.

Se este é o «impulso» que o Partido Popular quere para a nosa comarca seguirá atopándonos en fronte, porque no BNG si temos moi claras cales son as necesidades da Costa da Morte e dende logo nós non imos «pasar» delas, concluíu Daniel Pérez.