O BNG de Bergantiños vén de anunciar que nos vindeiros días o deputado Oscar Insua reunirase cos representantes locais e comarcais da bisbarra, tras recibir o encargo de trasladar á Cámara galega as iniciativas e demandas nacionalistas para mellorar a vida dos veciños e veciñas nesta lexislatura, e logo da toma de posesión como alcalde de Carballo de Daniel Pérez, que viña realizando esta tarefa como deputado da comarca.
A primeira valoración que fixo o deputado sobre os orzamentos provisionais da Xunta para Bergantiños non foi moi positiva. “Estamos ante a tónica de sempre, anuncios pomposos e espléndidos do Partido Popular, que ao ano seguinte se retrasan de novo deliberadamente, sempre o mesmo, e o exemplo o temos coa variante de Carballo e coa ampliación do polígono de Bértoa, que polas promesas feitas hai anos, xa debería estar finalizadas, ou polo menos as obras iniciadas”.
Oscar Insua sinalou que “os máis prexudicados son os empresarios, que perden competitividade por non contar aínda con infraestruturas que son estratéxicas para toda a comarca, que retrasan a posta en marcha de novos proxectos pola falla de solo ou lles impiden que as súas empresas crezan”. Sobre a peaxe da autovía AG-55, da que é a Xunta a titular, o parlamentario do BNG insistiu en que “segue sen aparecer un peso para o seu rescate cando si o fixeron noutros sitios como nas do Salnés, Brión-Noia, Celanova ou Barbanza; para o PP sempre somos os últimos, e xa está ben, porque imos bos de pagar e financiar esta autovía que está máis que desquitada. Queren seguir forrándose á nosa conta”.
O deputado nacionalista engadiu que “faltan investimentos en servizos sociais e sanidade pública, precisamos máis centros de día na comarca, que abra xa o de Malpica e máis residencias para os maiores, ademais de aumentar os servizos sanitarios, como unha nova quenda de tarde no centro de primaria da Laracha”.
Por último, Oscar Insua declarou que “nestas vindeiras semanas presentaremos emendas para modificar o orzamento e tratar de melloralos para Bergantiños. Esperemos que o Partido Popular as apoie, porque non pode ser que en Carballo digan que si a todo o que reclamamos, e logo no parlamento, que é onde se aproban as contas, o contrario: non a todo”.
 
  
 