O derbi Compos-Depor será a porta pechada


A SD Compostela confirmou que o derbi contra o RC Deportivo da Coruña terá que xogarse, este domingo 25 de outubro ás 17:00 horas, a porta pechada no Estadio Verónica Boquete de Santiago pola situación sanitaria na capital galega. As últimas medidas fixadas pola Xunta de Galicia permiten ás localidades en fase 3 (como é o caso de Santiago de Compostela) un aforo moi reducido, ao redor de 75 persoas. Pero o club santiagués decidiu que finalmente se dispute sen ningún afeccionado nas bancadas, seguindo a recomendación que lle dá o Concello. O Compostela critica ás autoridades. Ve imposible cumprir unha normativa con moitas peculiaridades e que cambia e modifícase practicamente cada semana. Afirma non recibir resposta por parte da Xunta sobre o aforo permitido o que impide preparar toda a loxística do encontro e avisar a quen tivese permitido acudir. O Compostela di atopar moitas dificultades para realizar o seu traballo diario, nunha tempada complicada no deportivo, social e económico. Pide, por último, a sensibilidade das administracións.