O derbi queda na casa, Bergantiños 3-2 Compostela

1 minutes read
  • O Bergantiños dominou boa parte do partido xogado este sábado en As Eiroas, pero un gol en propia e un golazo de falta meteron ao Compostela no partido.

Despois de gañar en Pasarón a semana pasada, o Bergantiños levou o derbi de As Eiroas contra o Compostela nun partido que tivo de todo. O conxunto local castigou a fraxilidade da defensa compostelá na primeira metade. Primeiro foi Escobar aproveitando a pouca contudencia de Salgado ao corte no minuto 17, 1-0. O propio dianteiro nigranés faría o segundo nun envío ás costas de novo mal defendido polos de Rodri Veiga. E xusto antes do descanso o colexiado sinalaba man de Álvaro Casas, Marcos Remeseiro enganaba e facía o 3-0.

Moveu banco Rodri metendo artillería no campo con Rafa Mella e sacando ao central Matías Vesprini que non estaba a ter o seu día. Aínda así, a primeira opción do segundo tempo tívoa de novo o Bergantiños cun remate de cabeza de Cano que atrapou Pato. O Compostela buscaba a remontada con máis intención que ideas. Seguía sen inquietar a Santi Canedo ata que chegou o gol, non sen esforzo. De feito foi en propia porta. Balón á área que despexou a defensa. En segunda xogada colleuna Salgado que puxo ao balón á área e tocou en Agulló que a enviou ao fondo da rede. A balón parado chegou o segundo «golazo» do Compostela. Execución perfecta do especialista Jordan nunha falta desde a frontal e o balón foi directo ao fondo da rede.

No minuto 84 quedaba o conxunto local en inferioridade numérica ao ver Agulló a segunda tarxeta amarela. Acababa tamén con dez o Compos ao ver Guille Torres a segunda amarela. O Compostela pagou caro os erros do primeiro tempo que soubo aproveitar un Bergantiños superior.