O detido por atropelar o empregado dunha gasolineira da Laracha pode ser acusado de ata cinco delitos

1 minutes read
E.S. Avia en A Laracha.

Un empregado dunha gasolineira da Laracha está hospitalizado con numerosas feridas. Foi atropelado adrede por un delincuente multirreincidente que conducía un coche roubado en Ferrol, botou 50 euros de gasolina e liscou sen pagar. O traballador increpouno e el volveu co coche e atropelouno. A Garda Civil prendeu o condutor horas despois.

Segundo informa a Garda Civil, «Esta persoa foi detida nun hostal de Arteixo cando estaba cun menor. O menor portaba as chaves do vehículo que fora subtraído. O coche está en dependencias da Garda Civil de Carballo porque se lle vai facer unha inspección ocular e logo entregarllo ao propietario».

O menor quedou baixo a tutela dos seus pais. O detido é un veciño de Carballo de 26 anos que conta con numerosos antecedentes por roubar e conducir sen carné. Segundo a Benemérita, o detido por este suceso pode ser acusado de cinco delitos, «Tentativa de homicidio, roubo ou furto de uso de vehículo a motor, carecer de permiso de circulación, un delito de estafa e posiblemente se lle poida imputar un delito de condución temeraria».