O detido por simular dirixir a Fundación Amancio Ortega foi convidado pola Xunta como experto no “emprego do futuro”


En outubro de 2018 a Consellería de Economía organizou na Cidade da Cultura a xornada O emprego do futuro para “poñer sobre a mesa”, da man de “expertos”, as “principais oportunidades de traballo que a cuarta revolución industrial, ligada á dixitalización e á automatización, vai ofrecer”. Entre os relatores da mesa redonda central do evento estaba Javier Boo, un mozo que daquela tiña apenas 25 anos, presentado como “consultor senior de The Boston Consulting Group e profesor ICADE”. O mesmo, identificaron medios como Faro de Vigo, ao que a Policía Nacional detivo o pasado decembro de 2019 acusándoo de “facerse pasar” por director da Fundación Amancio Ortega para “tratar de obter beneficios económicos”.Tal e como informou praza.gal este sábado, uns poucos meses antes daquel evento da Xunta, en xullo de 2018, o propio Boo interviñera en varios medios de comunicación como “responsable de relacións institucionais” da sección española do European Youth Parliament (EYP), unha plataforma de organizacións xuvenís europeas que celebraba un encontro en Galicia co apoio de diversas institucións, entre elas a propia Xunta. Así, por exemplo, nunha entrevista na COPE o propio Boo manifestábase especialmente “agradecido” pola implicación do vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, do daquela conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e mais de Diego Gago, na altura concelleiro do PP en Vigo e actualmente deputado no Congreso e presidente das Nuevas Generaciones do partido.