O Deza terá a ambulancia que pide hai anos tras morrer un home que tardou en ser atendido

1 minutes read

A comarca do Deza leva anos reclamando un mellor servizo de ambulancias do 061, que carecía ata agora de vehículo medicalizado e no que os outros existentes na zona eran considerados insuficientes por emprazamento ou horario. Hai dez días un home faleceu en Dozón despois de que a ambulancia que solicitaron para el tardase 46 minutos en chegar porque os outros vehículos da zona estaban ocupados atendendo outros pacientes. Este mércores, dez días despois do falecemento e ao tempo que o PPdeG lanzaba unha campaña nas redes sociais co lema “a sanidade funciona”, o propio Feijóo admitiu de xeito implícito que o servizo do 061 na comarca era insuficiente e anunciou que “haberá unha nova ambulancia no Deza situada en Lalín”.

Na sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento de Galicia tanto a portavoz do BNG, Ana Pontón, que preguntou expresamente pola cuestión e invitou á tribuna da Cámara a familiares do falecido, como o do PSdeG, Gonzalo Caballero, afearon a Feijóo as carencias da sanidade. “En dous anos morreron dúas persoas agardando por un servizo de urxencias, teñen nome, José Manuel Brey e Jesús Pérez García [falecido no PAC da Estrada hai un ano]”, dixo Pontón, quen preguntou “por que en 1.700 quilómetros cadrados só había dúas ambulancias e ningunha medicalizada”.

“Está a dicir aos galegos que se non hai ambulancia é porque está ocupada, e vostede non ten solución”, criticou Caballero.