O Día de Rosalía de Castro pasará a celebrarse o 23 de febreiro

Rosalía de Castro_Cultura.gal

Este cambio prodúcese despois de que a investigadora galega Sagrario Abelleira revelase o pasado ano nova documentación que acredita a data de nacemento real de Rosalía nese día, dando a coñecer ademais datos inéditos sobre a vida da autora galega máis recoñecida e da do seu home, Manuel Murguía. Toda esta información quedou recollida na publicación Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858), publicado co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego e, por primeira vez, o curso escolar 2021/2022 inclúe a celebración desta efeméride na súa programación. Unha data que ata o de agora, e ante o descoñecemento do día exacto do nacemento da poeta, se celebraba o 24 de febreiro, día en que recibiu o bautismo.