O Día dos Montes de Vigo celebrarase cunha xornada de roteiros

1 minutes read

Terá lugar o domingo 22 de maio, pola mañá, sendo a base de operacións o Parque Forestal do Monte dos Pozos.

Dende o luns 9 de maio ata o venres 20 de maio, as 13 horas, está aberto o prazo para a inscrición no 010 (986810260 dende móbil) en unha das andainas previstas adaptadas as características de todos os públicos. Ademáis, haberá exposicións, música e actividades infantís. Está previsto que participe un milleiro de vigueses e viguesas.

Segundo explicou o alcalde en rolda de prensa, “O obxectivo que se persigue con este evento é dar a coñecer os recursos dispoñibles nos montes periurbanos de Vigo: parques forestais e sendeiros locais, onde nos podemos achegar ao patrimonio natural, así como algúns dos miradoiros e espazos etnoarqueolóxicos máis destacados da cidade.” Tamén se vai comprobar como se está a producir o proceso de rexeneración dos montes queimados en outubro de 2017, particularmente os casos de Valladares e Zamáns.

A programación organízase en dúas partes: as actividades dirixidas para poboación adulta e as dirixidas a familias.