Desde primeira hora houbo animación de rúa coa Banda Municipal de Gaitas e o Grupo de Gaiteiros de Cances, actos litúrxicos na honra a San Xoán, cantada pola Coral de Bergantiños. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, realizou a súa tradicional invocación ao patrón. Foi case o seu primeiro acto oficial tras ser investido rexedor, a sexta ocasión consecutiva. Hai vinte anos xustos tocoulle facer o mesmo, pero entón estreábase no oficio. Acto seguido coa tradicional procesión do Patrón polas céntricas rúas da vila, tivo lugar a actuación da Banda Municipal do CMUS baixo a batuta de Javier Bardanca no Adro da Igrexa, con marcado homenaxe a Tina Turner e a Pucho Boedo incluído. O azar quixo que este 24 de xuño fose o día máis caloroso do ano, algo que fixo suar aos integrantes da Charanga NBA, pero as exhibicións de pequebaile e zumba tiveron que suspenderse pola calor, e o espectáculo de Ópera Breaks (breakdance, beatbox, ópera e dj) celebrouse, pero a cuberto, na carpa do Rego da Balsa, e Mostra de Habaneras. Sen dúbida que a gran expectación musical era o concerto de Xoel López, que durante máis dunha fixo un percorrido polo mellor da súa carreira musical a ritmo dos seus grandes éxitos e cun público moi entregado. Pechou o día grande unha verbena latina co ritmo canario do Grupo Bomba.
47