O director xeral de Enerxía e Minas visitou o viveiro de empresas da Laracha

1 minutes read
  • Destaca a importancia de habilitar este tipo de espazos a disposición dos emprendedores do sector industrial a prezos vantaxosos para dinamizar a actividade económica.

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou este luns as instalacións do viveiro de empresas da Laracha e destacou que esta infraestrutura contribuirá a consolidar e fortalecer o eixo industrial que conforma xunto con Arteixo e Carballo.

Trátase dunha nave industrial de preto de 580 metros cadrados cunha superficie útil para novas empresas de máis de 270 metros cadrados, reservándose o resto para servizos comúns. Tal e como explicou o director xeral, o Concello, ao que agradeceu a súa colaboración neste proxecto, deberá convocar agora un procedemento de selección das empresas que poderán ocupar esta nova infraestrutura.

O espazo foi un dos proxectos beneficiarios da orde de axudas de viveiros da Consellería de Economía, Emprego e Industria que ten como obxectivo habilitar este tipo de instalacións a disposición dos emprendedores do sector industrial a prezos vantaxosos para dinamizar a actividade económica da zona na que se implanta. De feito, as empresas seleccionadas teñen que desenvolver unha actividade empresarial e presentar un proxecto que avale a súa viabilidade económica e técnica.

Este viveiro, xunto coa mellora dos accesos sur e noreste do polígono da Laracha, permitirán impulsar a súa competitividade.