O Diario Oficial de Galicia (DOG) deste mércores publica a declaración da Romaría de Santa Minia como Festa de Interese Turístico de Galicia, o que supón oficializar o acordo tomado polo Consello da Xunta do pasado 25 de maio. O alcalde de Brión, Pablo Lago, celebra que esta oficialización chegue xusto antes do anuncio da programación desta edición, que xa poderá ser anunciada como Festa de Interese Turístico de Galicia.
“É un paso máis adiante na promoción dunha das romarías máis concorridas, singulares e arraigadas na comarca”, apunta Pablo Lago, quen agarda que “esta declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia a bo seguro atraerá a máis romeiros a Brión nos próximos anos”. Ademais, este ano o día grande de Santa Minia, o 27 de setembro, coincide en domingo, polo que se o tempo acompaña suporá un incremento significativo no número de visitantes, que podería situarse por riba das 50.000 persoas durante os días dos festexos.
O Concello de Brión traballa nestes momentos no peche da programación da edición de 2026, cuxo cartel e programa serán dados a coñecer a principios do vindeiro mes de setembro. Ademais das manifestacións de carácter relixioso, a celebración contará con actuacións musicais, gastronomía e unha programación complementaria con diversas actividades socioculturais.