A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se regulan os distintivos de identificación dos vehículos dedicados á actividade de arrendamento de vehículos con condutor/a (VTC) cuxa autorización se atope domiciliada en Galicia VTC.
A exixencia da disposición do distintivo establecido nesta orde será exixible para o conxunto de titulares de títulos habilitantes domiciliados en Galicia no prazo de dous meses desde a entrada en vigor desta orde.
Esta regulación ten como finalidade velar pola calidade do servizo que reciben os usuarios e evitar prácticas fraudulentas, así como a competencia desleal entre os dous colectivos.
Neste sentido, os vehículos VTC portarán un distintivo que consistirá nun autoadhesivo tanto na parte dianteira como na traseira. A numeración e ano que figuran no distintivo da dianteira fai referencia ao mes e ao exercicio nos que o titular deberá proceder ao próximo visado do título administrativo habilitante.

Os distintivos deberán colocarse na parte superior dereita da lúa dianteira e na parte inferior esquerda da lúa traseira do vehículo, respectivamente, de forma que resulten visibles desde o exterior sen interferir, en ningún caso, a visibilidade do condutor.
Estas identificacións serán emitidas xunto co outorgamento de novas autorizacións VTC, substitución de vehículos, ou visado periódico, logo do pagamento da taxa correspondente, cuxo xustificante deberá presentarse a través dos formularios na da Sede Electrónica da Xunta ou da aplicación “SitranGestión”.
