O DOG publica as axudas destinadas aos autónomos para facer fronte á crise sanitaria

2 minutes read

As persoas traballadoras autónomas de Galicia con e sen persoal contratado ao seu cargo poden solicitar desde este xoves as axudas da Xunta para apoiar a súa actividade. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores, 18 de novembro, a primeira das liñas de apoios do Plan de rescate para as persoas traballadoras autónomas e microempresas, que inclúe tres programas diferentes: o dirixido a autónomos a microempresas e autónomos con persoal a cargo; e aos establecementos hostaleiros situados nalgún dos concellos con maior incidencia epidemiolóxica que se vexan afectados polo peche da súa actividade debido á normativa sanitaria.

As persoas beneficiaras desta primeira liña de axudas, que se poderá solicitar ata o próximo 18 de decembro, son, polo tanto, os autónomos con e sen persoal contratado ao seu cargo que estean dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou Réxime do Mar como traballadores por conta propia, incluídas as persoas autónomas societarias. Estes autónomos deberán ter o domicilio fiscal en Galicia e ter recoñecido o cese ordinario ou extraordinario de actividade regulado no Real Decreto Lei 30/2020, de 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego.

Os traballadores por conta propia que cumpran con estes requisitos e que pertenzan a calquera tipo de actividade económica poderán optar a un apoio de 1.200 euros. Esta contía incrementarase ata os 2.000 euros para os autónomos de sectores ou actividades económicas especialmente paralizadas cuxas CNAES se especifican no DOG.

Son principalmente as relacionadas co ocio nocturno; actividades que se desenvolvan en atraccións de feiras, que non teñan un establecemento aberto ao público, e que pertenzan ás CNAES que se detallan no DOG; taxistas; transporte marítimo de pasaxeiros; transporte de pasaxeiros por vías navegables interiores; provisión de comidas preparadas para eventos; actividades de exhibición cinematográfica; axencias de viaxes; operadores turísticos; outros servizos de reservas e actividades relacionadas cos mesmos; organización de convencións e feiras de mostras; artes escénicas; actividades auxiliares ás artes escénicas; xestión de salas de espectáculos; actividades dos parques de atraccións e os parques temáticos; e outras actividades recreativas e de entretemento.