O DOG publica as medidas de prevención para a nova normalidade

A nova normalidade chega este luns 15 de xuño con medidas estritas de hixiene, distancia de seguridade e o uso obrigado da máscara salvo en casos excepcionais.

Abren os parques infantís e os espazos de uso público ao aire libre. Tamén as terrazas das discotecas e locais de ocio nocturno co 75 por cento das mesas. Ademais, os centros de día poden realizar terapias individuais con cita previa.

As tendas e negocios incrementan a clientela ata o 75 por cento da súa capacidade. Gañan espazo os mercados ao aire libre e as zonas comúns dos centros comerciais admiten a metade da ocupación permitida.

Autorízase a asistencia dun máximo de 60 persoas aos velorios e de 75 aos enterros. Nos actos relixiosos non se permite o uso de auga bendita nin a actuación de coros pero os templos xa abren ao 75 por cento.

Con esta mesma porcentaxe, traballan autoescolas, bibliotecas, museos, cines, teatros e auditorios que, ao aire libre, poden reunir un milleiro de persoas, igual ca os congresos.

O 75% tamén é o límite establecido no interior dos bares e restaurantes pero as terrazas recuperan o 80% das mesas. Iso si, os grupos non poden superar as 25 persoas.

Ademais, suman visitantes os zoolóxicos, acuarios, monumentos, campamentos, aulas da natureza ou centros recreativos.

Canto aos aloxamentos turísticos, incrementan o uso das zonas comúns ata o 75 por cento e poden realizar actividades de animación con grupos de 25 persoas. Porén, os albergues só poderán utilizar a metade das prazas dispoñibles.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha