A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar a 1ª fase de acondicionamento da estrada AC-423, que comunica Grilloi e Ponteceso, en Cabana de Bergantiños.
O investimento autonómico destinado a este proxecto é de máis de 1 millón de euros, no que se inclúe o pagamento das expropiacións dos 17 predios necesarios para a súa execución.
Trátase dunha actuación na estrada que conecta coa autovía da Costa da Morte, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 5,3, que ten como finalidade acadar unha mellora substancial da seguridade viaria e atender á demanda de conexión da poboación.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá á convocatoria do levantamento de actas previas e á licitación das obras no primeiro trimestre deste ano. Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses.
Segundo recolle o proxecto, nesta 1ª fase mellorarase o firme naqueles treitos que están deteriorados e rectificaranse as curvas que teñan un radio reducido.