O dolmen da Pedra Embarrada de Coristanco inscrito no rexistro BIC de Galicia

1 minutes read

A Xunta de Galicia vén de inscribir o dolmen da Pedra Embarrada, en Coristanco, no rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (BIC) como ben inmoble na categoría de xacemento arqueolóxico, o que supón recoñecer o seu réxime de protección patrimonial. O dolmen da Pedra Embarrada conta cos requisitos legais fixados pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia para estar protexido xa que esta normativa outorga a consideración de BIC ás covas, abrigos e lugares ao aire libre que conteñan manifestacións de arte rupestre. Por iso, agora era necesaria a súa inscrición nos rexistros BICs, tanto estatal como galego.

O dolmen da Pedra Embarrada constitúe a mámoa número 11, que se identifica na necrópole das Embarradas. Na súa posición central conserva unha cámara megalítica de planta poligonal e con corredor dun tramo aberto ao sueste diferenciado tanto en planta como, seguramente, en alzado. Aínda que bastante alterada polas remocións, está formada como mínimo por oito chantos, así como a lousa cuberta, partida e caída no interior. Unha das lousas da cámara, a que se atopa imediatamente ao leste da da cabeceira, que está situada fronte á entrada e presenta na súa cara interna varios gravados.

Tamén presenta unha sección en U, unha característica habitual na arte pre-histórica que denota que se realizaron por abrasión, sen empregar obxectos metálicos na súa execución. Entre os motivos destacan polo menos tres elementos abstractos subrectangulares e dous triángulos, que semellan con certas cautelas, figuras humanas esquematizadas. Seguramente existan máis motivos na parte do chanto que aínda permanece enterrada.