O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño aplica un novo material a base de barro nos seus pisos


O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño está a aplicar un novo material a base de barro nas estruturas dos pisos xa que, tras varios anos de uso, necesitaron dun arranxo para conservar así a súa durabilidade estrutural. Para isto, fixéronse varias probas ata dar co material idóneo para a posterior aplicación no chan de varias das estancias do Ecomuseo, e como non, foi elixido unha pasta a base de barro, que presenta unhas características que o fan moi resistente.

A Deputación Provincial xa destinara unha partida para aplicar, nun primeiro termo, varias remodelacións importantes neste espazo, como a reparación do edificio de administración ou a reposición de varios dos muretes exteriores. Así, conséguese un dobre obxectivo: consolidar a estrutura de todo conxunto, así como unha mellora estética.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a concelleira de Olería, Leticia Varela, quixeron agradecer ‘á Deputación todas as facilidades para conseguir esas melloras, nun dos emblemas culturais que temos aquí, con pezas históricas e cunha exposición que lembra o modo de vivir dos nosos antepasados’, comentaron.

Pola súa banda, o xerente do Eco Museo, Paco Doval, sinalou que ‘con estas intervencións conséguese a consolidación do chan das estancias do Museo, algo que era moi necesario. Seguiremos traballando por e para este espazo, onde se reúnen tradición, cultura e artesanía’, finalizou.