O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño presenta nova imaxe

1 minutes read
  • Os traballos, financiados pola Deputación Provincial da Coruña, permitiron consolidar varios muros e mellorar a estética do edificio

Durante o confinamento, a actividade non estivo parada nunha das xoias culturais do Concello de Malpica como é o Forno do Forte de Buño e os traballos, financiados pola Deputación Provincial da Coruña, consistiron no arranxo de varios muros exteriores e a renovación da estrutura do edificio de administración, unha vivenda rehabilitada para tal fin.

Con estes traballos conséguese un doble obxectivo: consolidar a estrutura de varias das paredes tanto do interior como do exterior, así como unha mellora estética.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a concelleira de Olería, Leticia Varela, quixeron agradecer ‘á Deputación todas as facilidades para acadar esas melloras, nun dos emblemas culturais que temos aquí, con pezas históricas e cunha exposición que lembra o modo de vivir dos nosos antepasados’, comentaron.

O Ecomuseo do Forno do Forte retomou a actividade ‘habitual’ de visitas priorizando o sistema de cita previa, e adaptando as instalacións ao contexto sanitario que se está a vivir.