Ata Santiago de Compostela desprazarase o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que participará no acto de apertura da exposición xunto aos conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entre outras autoridades.
A exposición, organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia e a Secretaría Xeral de Igualdade, propón unha viaxe no tempo a través de 250 pezas da artesanía galega.
Entre elas estarán as 14 cedidas polo Ecomuseo Forno do Forte da súa colección de olería tradicional. A mostra poderá visitarse ata o 8 de setembro de 10.00 a 20.00 horas. A tradición oleira de Buño remóntase á etapa prehistórica coa creación dos primeiros cacharros feitos a man. Pero foi nos séculos XVIII e XIX cando alcanzou a súa idade de ouro.
Grazas a un arduo traballo de recuperación e á inestimable colaboración dos artesáns e veciños/as da localidade, na actualidade podemos gozar dunha das coleccións de pezas tradicionais máis antigas e voluminosas da nosa olería, custodiadas no Ecomuseo Forno do Forte e divididas, segundo a clasificación realizada no seu momento por Luciano García Alén, en tres series: ancestral (anteriores ao ano 1700), antiga (do 1700 ao 1900) e moderna (posteriores ao ano 1900).