O Edificio Cinc da Cidade da Cultura acollerá este sábado 12 de xuño unha completa xornada de actividades cun espazo expositivo de proxectos, obradoiros ou un punto de asesoramento, entre outros.
Iniciativa Xove é un programa creado en 2010 a través do cal se conceden axudas de ata 5000 euros para que as mozas e mozos de Galicia poidan desenvolver ideas que, transformadas en proxectos empresariais ou programas de interese, revertan na sociedade.
A Xunta quere poñer en valor algunhas das iniciativas que foron xurdindo ao abeiro do programa ata o momento cun evento que lle dea visibilidade á creatividade e ao esforzo da xuventude. Así, promove unha cita con actividades dirixidas a mozos e mozas, de entre 18 e 30 anos, con residencia en Galicia ou en Portugal, posto que se trata dunha iniciativa enmarcada dentro do proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP).