O Concello de Cerceda recepcionou o pasado mes de outubro as obras de renovación do interior do edificio municipal que se atopa preto da área recreativa de Xesteda para convertilo nun Centro Social e Cultural, nun proxecto que dinamizará a parroquia, dando servizo e actividade á súa poboación cunha instalación acorde ás necesidades demandadas pola veciñanza.
Este martes visitaron a recentemente renovada construción Laura Marín, directora do Instituto para a Transición Xusta; María Rivas, subdelegado do Goberno na Coruña, e o alcalde, Juan Manuel Rodríguez. Supuxo un investimento de 131.658,90 euros, dos que 77.798,00 euros foron aportados polo ente estatal, e o resto o AGADER e fondos municipais.
O obxectivo do goberno local é que o inmoble acolla actividades de todo tipo, e para todas as idades, de diversa índole como culturais, educativas, lúdicas e asociativas, xa que actualmente esta parroquia non conta con ningún local destas características. O miúdo desta actividade será protagonizado pola Asociación de Mulleres da parroquia.
Laura Marín, directora do Instituto para a Transición Xusta, destacou que “hoxe vimos a visitar un edificio cuxo proxecto de desenvolvemento está moi avanzado e que se inaugurará nun curto período de tempo, no que poñemos especial énfase para dinamizar a vida dos territorios con menos densidade de poboación e onde asociarse e levar a cabo actividades é sumamente importante. Aproveito para felicitar o alcalde de Cerceda, porque se puxo moito fincapé neste proxecto e hoxe vemos os froitos destes esforzos”, recalcou.