O ‘Encontro de artistas novos’ reúne no Gaiás a 40 creadores de dentro e fóra de Galicia


XII Encontro de Artistas Novos (EAN-12) está impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura –enmarcándose na programación do Xacobeo 21-22– e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. A apertura deste encontro na Cidade da Cultura contou coa participación, ademais do titular de Cultura do Goberno galego, do presidente da Fundación Banco Sabadell, Miquel Molins; do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; do director do EAN, Rafael Doctor, e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. 40 creadores e creadoras participan estes días no Gaiás nesta cita para apoiar a arte emerxente e promover a creación contemporánea. O EAN ofrece a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no Gaiás –nun foro aberto ao intercambio de ideas, experiencias e procesos creativos– e aprender de artistas consolidados que participan no encontro como relatores. Nesta ocasión cóntase coa presenza do fotógrafo Tono Arias, dos creadores visuais Beatriz Lobo e Miguel Scheroff e da artista multidisciplinar Ana Esmith, coñecida no eido da performance como Miss Beige, nome co que ten colleitado o aplauso de crítica e público.