O “encontro” Sánchez-Biden limítase a unha curta charla de corredor


Pedro Sánchez tivo o seu medio minuto de gloria con Joe Biden. O “encontro informal” entre o presidente do Goberno español e o presidente estadounidense á marxe do cume da OTAN limitouse a un paseo duns 30 ou 40 segundos tras facerse a foto de familia xusto antes do inicio oficial da reunión dos líderes da Alianza Atlántica.

Sánchez é un dos poucos líderes europeos que aínda non falara persoalmente con Biden desde que este accedeu á Casa Branca. A diplomacia española buscaba un encontro máis extenso, pero este luns Sánchez apenas tivo tempo de saudar a Biden e de que as cámaras captasen o encontro. Aínda que, segundo a Presidencia de España, o encontro así estaba previsto, o certo é que as expectativas que se xeraban desde Moncloa ían máis aló dun intercambio de palabras de pouco máis de 30 segundos.

Na axenda de Biden non había planeada ningunha reunión formal co mandatario español, aínda que Sánchez si se reuniu co primeiro ministro británico, Boris Johnson. O fugaz encontro entre Biden e o presidente de España serviu, iso si, como gasolina nas redes sociais que se asolagaron de comentarios. Asuntos de interese mutuo, como a crise con Marrocos, a cooperación en materia migratoria e con América Latina ou o ofrecemento de España como sede do próximo cume da OTAN, terán que esperar unha mellor ocasión.