O Entroido chega a Muxía con clases de cociña, obradoiros e festa infantil

1 minutes read
  • A programación desenvolverase do 26 de febreiro ao 2 de marzo, co enterro do percebe programado para o día 5

Muxía quenta motores para o Entroido 2022. O Concello fixo pública a programación para este ano onde figuran diversas actividades como clases de cociña, obradoiros, festas infantís ou xogos.

A programación arrincará o sábado, 26 de febreiro, con varias masterclass de Entroido na sala da Camposa. A proposta vai dirixida a nenos de entre 3 e 12 e haberá dous grupos: o primeiro, para cativos de 3 a 7 anos, desenvolverase entre as 16:00 e as 17:30 horas; o segundo, para maiores de 8, será entre as 17:30 e as 19:00 horas.

Ao día seguinte, 27, o Concello ten prevista a celebración dunha festa infantil con inchables, globoflexia, música e máis sorpresas. As actividades terán lugar no polideportivo municipal de 17:00 a 20:00 horas.

Os obradoiros de Entroido celebraranse do 28 de febreiro ao 2 de marzo, entre as 11:00 e as 13:00 horas, no multiusos da Camposa. Neste caso, a proposta está dirixida a rapaces cunha idade comprendida entre os 3 e os 12 anos.

O sábado, 5 de marzo, ás 17.00 horas, terá lugar o xogacontos ‘A festa da iguana’ no multiusos da Camposa. O broche final da programación chegará da man do enterro do percebe.

Todas actividades requiren de inscrición previa no Concello, agás a festa infantil.