O alcalde de Carballo Evencio Ferrero e tamén o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, fixeron unha chamada á participación, que é a clave do éxito dunha festa coma o Entroido. E sen dúbida a principal canle de participación é o Concurso e Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas, que se celebrará o domingo 23. “Temos máis de 8.000 euros en premios e subvencións nas distintas categorías”, lembrou Marcos Trigo, e para optar a eles só hai que inscribirse. No caso das comparsas e as carrozas o prazo remata o día 19, mentres que para o resto das categorías seguirá aberto ata unha hora antes do inicio do concurso. Podes consultar as bases na web municipal.
O día 25 tamén será festivo en Carballo, o que axudará a vivir aínda con máis intensidade unha celebración que, como apuntou Evencio Ferrero, tamén consiste en “interpretar a realidade dunha maneira lúdica e transgresora”.
Este ano haberá un atractivo máis: a presenza da regueifeira Lupe Blanco como presentadora e animadora do certame. E está, como dixo na presentación, encantada, “porque a regueifa _dixo_ é un xénero que se presta moitísimo para o Entroido”, e honrada, porque recolle o testemuño do seu bisavó e faino en Carballo, “nun dos entroidos máis recoñecidos da zona, no que se fai moito traballo, e no que tamén temos que integrar a nosa tradición. Penso que non vai haber fallo e que vai saír ben”, engadiu con optimismo.
Pero a cita do Domingo de Entroido é só unha das moitas das que poderemos gozar nos vindeiros días. Obradoiros, foliadas, Enterro da Sardiña, charangas… e este ano tamén un concurso en Instagram para poder gañar un premio por compartir os vosos disfraces nas redes sociais etiquetando a conta do Concello de Carballo, @carballomola. Haberá dúas categorías: infantil e adulta, e premios para as fotos que consigan máis “gústame” entre o 17 e o 27 de febreiro.
