O envorco dun coche en Cerceda deixou unha persoa falecida | Tamén falece outra que caeu por un terraplén na Veiga

Unha persoa morreu a primeira hora da tarde deste sábado nun accidente de tráfico na parroquia de Rodís, en Cerceda. O único vehículo implicado acabou envorcado no quilómetro 19 da AC-413. Uns particulares chamaron a Emerxencias 112 Galicia minutos antes das 13 horas. As persoas que comunicaron o sinistro sinalaron que a persoa que viaxaba no interior podía estar atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ordes, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil de Cerceda. Ata o punto tamén se desprazou o helicóptero medicalizado con base en Santiago, de Urxencias Sanitarias. Finalmente comprobouse que o implicado estaba liberado e accesible, mais nada se puido facer pola súa vida.

Unha persoa faleceu tamén no concello da Veiga

Foi ao caer por un terraplén mentres camiñaba pola estrada OU-0856. Foi ao mediodía deste sábado, á altura do quilómetro 9, na parroquia de Prada. Segundo informa o 112, no momento do aviso a vítima permanecía inconsciente. Membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipais da Veiga encargáronse do rescate e practicáronlle manobras de reanimación sen éxito. O persoal médico do 061 só puido confirmar o seu falecemento. Urxencias Sanitarias mobilizou un helicóptero con base en Ourense. No operativo tamén participaron axentes da Garda Civil e voluntariado de Protección Civil.

Related posts

Detido un home en Ribeira acusado de acoitelar ao seu pai

Aprobado un investimento para a mellora integral da travesía de Bembibre, en Val do Dubra

Ordes, Arzúa, Oroso, Santa Comba e Padrón lideran as vendas de MercaNaVila na comarca de Santiago