- Perfecto Calviño estreará o seu novo Ferrari 360 Modena, que compartirá con José Fernández.
Esta fin de semana celébrase na illa italiana de Cerdeña unha das probas máis agardadas ao longo de toda a tempada polo equipo Yacar Racing, pois por terceiro ano consecutivo desprázanse ata alí para participar na Cronoscalata Tandalò, unha subida en terra que chega á súa cuarta edición e que o ano pasado gañaba Abel Jurado cun Yacarcross seguido polo Peugeot 208 Proto de Pepe López-Rubén Santás. Ademais, na edición de 2017 Javier Ramilo clasificábase en segunda posición, polo que esta vez esperan volver conseguir un resultado similar. Con todo, a gran novidade será a estrea do novo Ferrari 360 Modena que se estivo construíndo nos últimos meses nas instalacións de Yacar Racing en Culleredo (A Coruña), e que pilotarán Perfecto Calviño e José Fernández, xa que o regulamento permite a dous pilotos utilizar un mesmo coche e aos que copilotará Javier Martínez. O equipo fará un importante despregamento de medios técnicos e humanos, pois aos 7 Yacarcross alugados a pilotos sardos únese tamén a participación dos galegos Javier Ramilo e Daniel Remuiñán e os asturianos Abel Jurado e Kike González, todos eles con Yacarcross. A proba ten o seu epicentro na pequena localidade de Budussò, ao norte da illa mediterránea, con tramo que ten unha distancia de case 5 km nas proximidades de Monte Lerno, por onde se desenvolve unha das etapas do Rallye de Italia-Cerdeña do Campionato do Mundo. A competición comezará o sábado cun test de 9:30 a 11:00 horas para realizar a continuación as tres mangas oficiais do primeiro día (11:30, 14:30 e 16:30) mentres o domingo haberá dúas novas mangas (9:30 e 12:00), coas que concluirá a proba.