O equipo Yacar Racing regresou de Mollerussa con tres vitorias


O circuíto municipal Parc da Serra de Mollerussa acollía esta fin de semana a 27.ª edición do Autocross Ara Lleida, cuarta proba das oito do calendario e onde de novo o equipo Yacar Racing volvía conseguir notables resultados ao gañar en tres das catro categorías nas cales participaba cos Yacarcross e os coches da División 1.

Precisamente nesta última e tras unhas mangas clasificatorias moi discretas motivadas polo baixo rendemento do Peugeot 208 Proto, Perfecto Calviño lograba a súa terceira vitoria consecutiva da tempada, o que lle consolida como líder provisional cando chegamos ao ecuador da tempada, xusto antes das dúas próximas citas que serán en Galicia, concretamente en Carballo e Arteixo.

Perfecto Calviño.

En Car Cross Júnior, os Yacarcross copaban o podio da categoría con Sergi Pérez como vencedor e Antonio Herrerías e Tommy Pintos acompañándolle no mesmo. Herrerías era o máis rápido na manga de cualificación e vencía nas tres clasificatorias, aínda que na final lle sorprendía nos derradeiros metros Sergi Pérez, que conseguía a súa segunda vitoria da tempada nunha categoría que ata o momento só viu vitorias dos Yacarcross.

Tamén en Car Cross Promoción se situaba a dous pilotos nos dous primeiros lugares do podio, con Daniel Remuiñán, tras ser o mellor na cualificación e adxudicarse dúas clasificatorias, gañando por segunda vez este ano mentres Diego Pandelo, que se impoñía na outra clasificatoria, ocupaba unha brillante segunda praza.

Daniel Remuiñán.

Onde non houbo sorte foi na categoría Car Cross, a pesar de que tanto Javier Ramilo como Óscar Palomo conseguían acceder á final A, pero ambos abandonaban cando aínda non se cumprira a primeira volta. Quen máis opcións tivo nas clasificatorias foi Ramilo, que gañaba unha e se postulaba como un dos candidatos á vitoria, pero diversos incidentes en pista alleos ao de Carballo terminaban co que puidese ser unha gran fin de semana, cedendo desta forma a primeira praza provisional no campionato. Case o mesmo sucedía con Darío Calviño, que mostraba un bo ritmo de carreira, pero víase prexudicado por causas alleas a el e quedábase na final B, onde unha gran remontada estivo a piques de clasificalo para a A.