O escritor de Camelle Anxo Mouzo presenta ‘A princesa Dourada’, unha novela de fantasía xuvenil

Este sábado, 20 de decembro, ás 18 horas no Museo de Man de Camelle, terá lugar a presentación e «A Princesa Dourada», a primeira novela do escritor Anxo Mouzo Moreira, veciño de Camelle. O evento servirá para dar a coñecer esta nova aposta pola literatura fantástica xuvenil publicada por Boadicea Editora.

«A Princesa Dourada» ofrece unha premisa orixinal que mestura a vida cotiá na Costa da Morte coa alta fantasía. A trama xira arredor de Xosé e Marica, dous veciños de Camelle que viven porta con porta. A súa vida tranquila, marcada pola afección de Xosé ao fútbol e a súa amizade con Marica, dá un xiro radical o día que ela cumpre quince anos.

Nese momento, descóbrese un segredo oculto durante anos: Marica non é unha rapaza común, senón a princesa do reino de Nihá, exiliada do seu fogar pola malvada raíña demo de Hangyo cando aínda era unha nena. As lendas profetizan que a princesa recuperará o seu trono grazas á súa intelixencia e unha vontade de ferro. Xosé, o seu fiel amigo, non dubidará en axudala, estando disposto a todo para cumprir ese propósito.

Anxo Mouzo Moreira (Camelle) é un novo talento das letras galegas. Aos seus 23 anos, e tras cursar os seus estudos en Arteixo, dá o salto á novela despois de ter destacado no formato breve, sendo o gañador do premio do público no III Certame Literario de Microrrelatos Aliteraclara. Con «A Princesa Dourada», Mouzo demostra a súa capacidade para crear mundos imaxinarios sen perder a raíz da súa terra natal. No acto estará acompañada do editor da obra, José Manuel Dopazo.

Related posts

A conselleira do Medio Rural e o director da Axencia Turismo de Galicia visitaron en Razo Espazo Nature Retreat

Carballo participará nunha nova convocatoria anual das Residencias Paraíso

‘O Goberno de Muxía non fixo ningunha xestión para solucionar os problemas da cobertura’, afirma o PSOE local