O Goberno convoca un Consello de Ministros extraordinario para discutir o estado de alarma


  • Será este domingo e estudarase a petición de varias comunidades autónomas, ademais de Melilla, de decretar o estado de alarma en todo o país

A declaración dun novo estado de alarma en todo o territorio español podería estar cada vez máis preto, pois o Goberno acaba de convocar un Consello de Ministros extraordinario para este domingo, co fin de estudar a petición de oito comunidades autónomas, ademais de Melilla, de decretar o estado de alarma en todo o país.

Estes días foron varias as comunidades autónomas que presionaron para que o goberno de Pedro Sánchez decretase o estado de alarma, unha situación que permitiría ás comunidades aplicar restricións máis duras nos seus territorios; e que non significa que obrigatoriamente se estableza un confinamento.

A líder de Cs, Inés Arrimadas, telefonou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para esixirlle que o Goberno «tome o control» da xestión da pandemia, adopte medidas «contundentes» e ofrecerlle o seu apoio para que decrete o estado de alarma se fose necesario. País Vasco, Asturias, Estremadura, A Rioxa, Cataluña, Navarra, Cantabria e Melilla solicitan a medida para aplicar restricións máis duras. Pola súa banda, Pedro Sánchez pide disciplina para evitar un novo confinamento domiciliario e advirte de que os próximos meses serán «moi duros».